M. del Río/ Solidariedade e lectura, ambas da man, foron quen de recadar en pouco máis dunha semana 7.339,84 euros para axudar a Haití grazas ao impulso, ao empeño e á dedicación do persoal da Biblioteca Universitaria. Baixo o lema ‘Hai algo en ti que podes compartir’, a campaña de ‘Libros por Haití’ afanouse en recoller exemplares entre a comunidade universitaria para poder montar postos de venta con todos libros a 4 euros para axudar a reconstruír Haití tralo terremoto de xaneiro.
Novelas, poesía, dicionarios, bet sellers e moita literatura infantil fixeron posible que dende o 10 de marzo recaudar unha cifra moito máis alta do esperado. Os postos situáronse no Centro Comercial da Cidade Universitaria, na Facultade de Filoloxía e Tradución, no edificio anexo de Torrecedeira, no Edificio de Ciencias e na propia Biblioteca Central e os cartos xa foron ingresados na conta da Cruz Vermella para axudar a Haití. Deste montante total, arredor de 800 euros foron doazóns desinteresadas nos petos que se instalaron nos postos para aqueles que non quixeran mercar libros e, o restante, grazas aos máis de 1.600 libros vendidos.
Tanto se superaron as expectativas, que no derradeiro día de marcadillo, aos postos seguían chegando libros que eran mercados ao instante. O éxito da iniciativa requiriu incluso aumentar as datos do mercadillo e a organización decidiu abrir 3 postos máis que non estaban previstos, algo para o que a presenza en redes sociais como Facebook ou Twitter foi decisivo.
Con todo, quedaron algúns exemplares por vender para os que agora están buscando novo fogar. A literatura infantil enviarase á gardería da cárcere de Teixeiro e o resto repartirase entre a Fundación Arela, que traballa con nenos e mozos en risco de exclusión social, e a cárcere de A Lama.