O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia crecerá en torno a un 1,3% en 2014 e preto do 2% en 2015, de acordo coas previsións de organismos nacionais e internacionais que manexa Afundación -obra social de Abanca- no seu informe sobre a evolución da economía galega.
O profesor da Universidade de Santiago Alberto Meixide, director do estudo, salientou este mércores que aínda quedan “incertezas e desequilibrios” nun escenario no que os indicadores apuntan á recuperación, polo que a volta a taxas de aumento do Producto Interior Bruto (PIB) previas á crise – máis do 3%- non chegará nun horizonte de polo menos “tres, catro anos”.
Ao respecto da evolución da economía galega, que caeu un 1% o ano pasado, o profesor Meixide constatou que foi unha evolución “algo menos mala” da do conxunto do Estado pero, indicou, a poboación galega tamén diminuíu estes anos, o que ten unha “lectura positiva” dende o lado do PIB, pois continuouse coa converxencia de renda co Estado- se era dun 88,5% da media española en 2008, situouse no 91,6% en 2013-, e unha lectura nada positiva en termos de movementos de poboación, pois vencella a cifra “co declive demográfico” galego.
Con todo, o saldo é “negativo” en canto a converxencia coa media da Unión Europea, algo que aconteceu igualmente co PIB per cápita do Estado, ao se perder parte do avanzado nos anos anteriores.