A conselleira de Medio Ambiente, adiantou que a Xunta manterá análises periódicas para garantir a recuperación total das especies que habitan no río Tea, e que indiquen o momento propicio para realizar soltas programadas de exemplares coas que acelerar a repoboación natural daquelas especies máis afectadas. Engadiu que estas futuras análises determinarán a súa idoneidade, que se prevé que sexa no mes de setembro.
Ethel Vázquez trasladoulle o contido do informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ao alcalde de Mondarizque revela que “estamos ante unha situación de práctica recuperación ecolóxica”, xa que os niveis de ph xa volveron á normalidade a principios de semana, polo que o río podería recuperarse sen ningún tipo de medida. Non obstante, dende a Consellería desenvolveranse accións de recuperación citadas anteriormente, así como manter a veda neste treito de case 3 quilómetros ata a tempada de pesca de 2015.
Vázquez resumiu que as análises conclúen que o efecto da vertedura sobre as augas foi puntual cunha afección cuantitativa que reduciu o número de individuos, pero que non chegaron a desaparecer nin a estar gravemente afectados. Explicou que o estudo das comunidades de invertebrados, o método máis amplamente empregado para avaliar o estado ecolóxico das augas, e os índices calculados amosan valores nos que apenas se aprecia variación entre o treito afectado e os treitos non afectados.
Pola contra si se detectou unha diminución nas especies máis sensibles, pero en ningún caso chegaron a desaparecer, e tampouco se detectou afección á vexetación acuática da zona. O maior dano produciuse nas especies piscícolas, ao rexistrase a morte de numerosos exemplares.