O concello ourensán de Riós, de apenas douscentos habitantes, celebra este mércores, día 13, e o xoves, 14, o seu VII Festival das Artes Escénicas e continúa recibindo a grandes artistas do mundo da música, o cine e a televisión para presentar unha programación multidisciplinar con actividades para todos os públicos. Nesta edición, o Festival celébrase no núcleo do municipio e a entrada é totalmente gratuita.
A xornada inaugural coa presenza de Francisco Armando Veiga, alcalde de Riós e o director do Festival, Rubén Riós, terá lugar ás 7 da tarde, no Salón de actos da Casa da Cultura, onde se realizará a lectura de programa xunto coa presentación da curtametraxe 3-1= 0, gañadora da última edición do Festival de Cans, festival irmán do evento ourensán.
A partir das 10 da noite celébrase a Gala do Audiovisual, coa presentación en premiere da segunda temporada da webserie ‘Clases de lo social’ e coa estrea do trailer do novo programa da Televisión de Galicia, ‘No mellor da vida’. Un ano máis, o certame presenta unha nova edición da sección de cinema de integración social ‘Todos podemos facer cine’, dirixida pola actriz e pedagoga Estíbaliz Veiga. A velada nocturna será amenizada por unha verbena tradicional a cargo do Colectivo Rebulir de Ramirás e a Coral Cantarela para rematar cunha sesión a cargo de Dj Guti.
O xoves 14 de agosto estará cargado de emoción e homenaxe. A Ruta do Talento comezará á 1 da tarde, trazando un percorrido ao longo de castiñeiros milenarios bautizados co nome de Carlos Sobera, presentador de TV, quen ‘atrapa’ un castiñeiro nesta Ruta do Talento en honra ao seu amigo e compañeiro Abelardo Gabriel, actor galego que faleceu hai catro anos tras unha longa enfermidade. O segundo castiñeiro recibirá o nome de Carmen Avendaño, outra homenaxeada polo seu labor social a través da Fundación Érguete, na loita contra a drogadicción. A Ruta do Talento será conducida polo antropólogo Manuel Mandianes e contará coa actuación da eurovisiva Lucía Pérez que interpretará cancións do seu novo disco “Quitapenas”.
Á noite, celebrarase a VII Gala das Artes Escénicas que será conducida polos humoristas Pedro Brandariz e Fran Rei que presentarán o seu número “Dous paiasos en apuros”. O humor continuará da man de Carlos Blanco que realizará un monólogo que será o preludio para a música con Óscar Ibáñez que arriva co seu novo traballo “Alén do mar” e Lys Pardo, que interpretará temas do seu último disco “De familia” no que ofrece un tributo especial ao seu pai, Juan Pardo.
O cinema estará presente tamén coa presentación do trailer do filme “A Esmorga” de Ignacio Vilar e a entrega da Castaña de Cristal a Antón Durán Morris, galardón que anteriormente recibiron outros referentes da cultura galega como Abelardo Gabriel, María do Ceo, Luis Iglesia e Rosa Cedrón.