Vigo al minuto

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia denuncia o retraso no pago do ‘Cheque social’

Persoas solicitando as axudas no Concello/Tresyuno Comunicación

A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, ven de denunciar que pasada xa unha semana de setembro, aínda están sen resolver as axudas do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación” – o popular ‘cheque social’.

Nunha nota enviada aos medios, a asociación subliña que o artigo 13.5. das bases desta convocatoria sinala que “o prazo máximo para resolver e publicar a resolución do procedemento non poderá exceder de tres meses, contado desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP)”, pero todo indica, “segundo sinalan responsables de benestar social”, que, como xa aconteceu o ano pasado,” incumprirán o establecido nas bases e a resolución non estará para o 17 de setembro, data na que expira dito prazo”.

Para a asociación, hai un “exceso de celo municipal á hora de esixir a acreditación de todo tipo de situación”, que se evidencia nas numerosas peticións de documentación adicional nas últimas semanas a un gran número das persoas que demandaron a axuda o cal, denuncia, “semella responder a unha dobre estratexia: gañar tempo e introducir novos atrancos que desboten a máis solicitantes do acceso a estes cartos”.

Mentres esto acontece, indica, “nos obrigan a agardar polos seus ritmos, e temos que ficar á espera dunha resposta do departamento dirixido por Isaura Abelairas”. A Oficina de Dereitos Sociais lembra que os poderes privados “a banca, FENOSA ou Aqualia, non entenden de atrasos nos pagamentos sempre e cando sexamos nós os afectados e quitas, renegociacións ou demoras, só están ao alcance dos grandes capitais”.

 

También te puede interesar