Vigo al minuto

O reitor da Universidade denuncia a “fuga de cerebros” de Galicia e advertiu da perda dunha xeración de investigadores

Foto: Trueno

O reitor da Universidade de Vigo demandou este venres, durante a apertura do curso 2014-2015, a eliminación da taxa de reposición, que limita a contratación de funcionarios a solo o 10 % das prazas que quedan vacantes, “unha taxa letal, que propicia unha fuga sistemática de cerebros”, e que, segundo Salustiano Mato, “impide reter e atraer talento”. Ademais destes prexuízos, prodúcese un captación activa de investigadores galegos por parte doutros países, sinalou o reitor, “perdendo toda unha xeración de investigadores e investigadoras”.

Mato, en presenza do presidente da Xunta, demandou, ademáis, maior financiamento por parte do Goberno galego, lembrando que as universidades galegas levan “dous anos de vantaxe en descenso salarial con respecto ao resto do Estado español”, e que “se lles recortou máis aos máis produtivos. Somos os únicos”, e subliñou que se trata dunha “anomalía á que debería buscar solución nos presupostos do 2015″.

Tamén advertiu á Xunta de que, se as universidades se comprometen a ser mellores e máis eficientes, a administración autonómica “ten a obriga de apostar, dedicando máis recursos” ao sistema universitario galego. “Temos que ser máis ambiciosos nos programas de bolsas, posto que os que hai, hoxe, se revelaron insuficientes”.

Pola súa banda, o presidente Feijóo anunciou a posta en marcha dun programa de acción “pioneiro”, dotado con case 4 millóns de euros para servizos xerais de apoio á investigación nas universidades galegas.

Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, o xefe do goberno adiantou a intención da Xunta é apoiar o papel dos investigadores universitarios, e converter o actual modelo, onde os servizos de apoio a esta actividade son “secundarios e dispersos nun modelo integral e profesional”.

Feijóo tamén confirmou a intención da Xunta de manter os criterios de repartición de fondos públicos en función dos resultados das universidades, e apostou polos “modelos de colaboración” entre as universidades galegas lembrando a importancia de que se cre o Consorcio interuniversitario, no que a Xunta “valorará” participar.

 

You may also like