Comarcas

500 titulados, becados pola Deputación de Pontevedra, escollen empresas nas que traballar

Uns 500 bolseiros elixirán entre este luns e martes a empresa na que van desenvolver un ano de prácticas, financiadas pola Deputación de Pontevedra no marco do segundo Plan de Práctica Laboral. Segundo o presidente do organismo provincial esta é “unha iniciativa única en España que leva xa facilitado o acceso ao mercado de traballo preto de 2.000 pontevedreses con titulacións universitarias ou de FP”.

Rafael Louzán animou aos novos bolseiros a “aproveitar ao máximo esta magnífica oportunidade” que lle pode abrir as portas do seu futuro laboral, unha cuestión para o que lles recomendou flexibilidade “ao igual que sucede coa empresa, pola vosa banda tamén debe existir flexibilidade para que exista un acordo entre as partes que vos vincule laboralmente para o futuro con esa empresa”.

Louzán indicou que os técnicos da institución van velar para que as condicións laborais sexan “as conveniadas coas empresas…por iso pídovos toda a vosa colaboración e flexibilidade para que ese contrato laboral sexa duradeiro”.

Todos estes bolseiros comezarán as súas prácticas o próximo 1 de outubro, con axudas de seis meses prorrogables por un ano. A contía da bolsa é de 800 € para titulados universitarios e de 700 para os de FP, que serán financiados integramente pola Deputación, que tamén correrá cos gastos dos correspondentes recoñecementos médicos.

 

También te puede interesar