O grupo socialista da Deputación de Ourense levará ao comité ético, recén creado na institución, a decisión do PP de rexeitar a proposta de que o ex presidente José Luis Baltar Pumar pague os custos dos 104 contratos ilegais que lle levaron a xuízo e á condena de inhabilitación.
Os socialistas propuxeron que o Pleno– do que saiu o actual presidente da Deputación, José Manuel Baltar- acordase reclamar ao ex presidente condenado – ainda non en firme- 696.666 € que custaron os salarios e cotas da seguridade social dos 104 contratos.
O voceiro socialista calificou de “inaudito” que os deputados do PP “aínda non dixesen nada” durante o mes e medio transcorrido dende que se coñeceu a sentenza de José Luis Baltar, “o mínimo que deberían facer é abrir ao ex presidente condenado, un expediente de devolución pero o colmo está en que este debate estea presidido polo vicepresidente da Deputación, facendo o que fai no Concello de Ourense que é querer mandar a todos ao cárcere”.
O responsable do PSOE sinalou o dano á institución provincial causado polo ex presidente condenado en que só se lle xulgou por 104 contratos “pero hai centos de miles de persoas que non puideron acceder a eses traballos nas mesmas condicións ca eles, así que tería que devolver ese diñeiro sen discusión”.
Finalmente, ante negativa dos 15 deputados do PP, anunciou que os socialistas irán ao comité ético “para que determine se vostedes, deputados do PP, teñen que seguir aí, e seguramente dirá que non”.