A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ampliou en case un 47% as axudas destinadas ao alumnado que cursou estudios, durante o 2013-2014, no Sistema Universitario Galego (SUG) e que por causa sobrevida ou imprevista, tivo dificultades económicas para continuar. As axudas increméntanse en 42.000 €, que se suman aos 91.000 € iniciais.
O obxectivo, segundo a Xunta, é cubrir a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada de causas tales como a orfandade absoluta, falecemento do pai/nai/titor legal, desemprego do sustentador principal, enfermidade grave, violencia doméstica, vítimas de actos terroristas, separación, divorcio, ruína ou quebra familiar, así como outras circunstancias xustificadas que repercutan na situación socioeconómica familiar. O ano pasado recibiron esta axuda 31 persoas.
Esta modificación non afecta ao prazo establecido na orde inicial para a presentación de solicitudes. A dotación económica asignada a cada beneficiario oscilará entre unha contía mínima de 1.250 € e unha máxima de 2.500, en función dos umbral de renda per cápita indicados na convocatoria.
Para acceder a estas axudas, a situación sobrevida ou imprevista tivo que acontecer durante o curso 2013/2014, e os solicitantes deberían estar matriculados en, como mínimo, 50 créditos, en estudios universitarios presenciais correspondentes a un título de grao, licenciatura, enxeñaría, arquitectura, diplomatura, mestre, enxeñeiro técnico, ou arquitecto técnico en calquera das universidades do SUG.
Ademais, a renda per cápita da unidade familiar non podía ser superior ao importe anual da pensión non contributiva para o ano 2014, é dicir, 5.166,60 € por persoa, tal e como se indica na convocatoria.