O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades publicará nos vindeiros meses varias obras de investigación sobre o galego, entre as que se atopan un dicionario galego-latino e outro de bioloxía, novos números da colección Cadernos Ramón Piñeiro con epistolarios de Ramón Piñeiro e Ramón Cabanillas e obras sobre literatura medieval galeportuguesa, como un vocabulario trobadoresco.
Este centro, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é o encargado de promover, desenvolver e dar difusión a proxectos e programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. E na actualidade centra as súas liñas de investigación en proxectos de lingüística con aplicacións informáticas, estudos de prosa e poesía medieval, recuperación e análise de publicacións literarias, estudos de fraseoloxía ou proxectos de antropoloxía referidos á identidade colectiva.
Entre os últimos traballos que acaba de publicar atópase ‘Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999)’, unha homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas que achega case medio cento de prosas inéditas, ademais doutros documentos como o seu expediente académico, caligrafías, mecanoscritos e textos de autopoética.