Anova de Redondela acordou a súa “autodisolución” ao considerar que a formación é unha “ferramenta inútil para a transformación social, verdadeira motivación das persoas integrantes da Asemblea”.
A coordinadora local de Anova en Redondela informou este venres da decisión acordada nunha asemblea celebrada o pasado mércores, día 22 de outubro, tras dar conta dela aos órganos de dirección da formación que lidera Xosé Manuel Beiras.
Nun comunicado, a formación critica que tras dous anos de andaina e despois dos “últimos acontecementos sucedidos na II Asemblea Nacional amparados polo coordinador nacional, Martiño Noriega, e o voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras”, Anova IN “carece das máis mínimas garantías democráticas”, que garantan a actividade política dentro da organización.
“O proceso político dos últimos dous anos e medio supuxo un esforzo persoal e colectivo xirado en demasía á resolución da actividade interna da organización”, lamentou Anova Redondela, que asegurou que iso “implicou non desenvolver todo o traballo político que a asemblea de Redondela querería“.
Por todo iso, a formación acordou a súa “autodisolución” e que “tomará as medidas de comunicación oportunas”, tales como a “información aos organismos pertinentes e ás persoas e medios que poida interesar”.