Comarcas

Os afectados pola Plisan denuncia ao presidente do IGVS

A Plataforma de Afectados pola Plisan acaba de iniciar dilixencias penais contra o presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Antonio Boné, por posibles falsedades nunha carta remitida en xaneiro aos expropiados. O xulgado de Instrucción número 1 de Santiago citou a Boné a declarar o vindeiro 7 de xullo como imputado por afirmar que o expediente de aprobación do Decreto 84/2009 fora tramitado sen “ser analizado nin autorizado nin aprobado polas outras partes asinantes, Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca”.

Sen embargo, nas actas da Comisión de Seguimento criada polos Promotores da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves reflicten que os distintos borradores dos convenios foron debatidos e que ata 8 cuestións foron rectificadas polo pola Consellería de Vivenda e Solo  dende o primeiro borrador entregado ás partes o 19 de decembro de 2008 ata o texto definitivo publicado no Diario Oficial de Galicia.

Os afectados recorren agora á vía penal e amplían a denuncia a sospeitas de prevaricación, ao soster que se puido ter tomado acordos a sabendas de ser inxustos. A declarar como testemuñas serán citados Rosa Losada, anterior  Secretaria da Conselleira de Vivenda e Solo; Eudosio Álvarez, anterior delegado da Consellería en Pontevedra; Bárbara Fernández, xerente de Xestur; Daniel Pino, presidente do IGVS no anterior goberno; Teresa Pisano, delegada de Zona Franca de Vigo; Rosa Eguizábal e Beatriz Colunga por parte da Autoridade Portuaria de Vigo.

Os afectados levan 125 días pechados no salón de plenos do Concello de Salvaterra.

You may also like