A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia organiza o primeiro curso de Intervención Multidisciplinar neste tipo de pacientes dirixido a persoas técnicas interesadas en traballar nun campo no que, aínda nas épocas de crise económica, está en constante crecemento. A implantación da Lei de Atención á Dependencia, o progresivo envellecemento da poboación e a detección cada vez máis temperá das demencias fai que sexa necesario unha incorporación continua de persoal especializado en centros de día, terapéuticos ou de atención especializada.
O curso ten unha duración de 35 horas, 15 delas prácticas nos Centros que xestiona Afaga e está avalado pola Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía e conta co recoñecemento de interese sociosanitario pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O curso celebrarase dende o día 5 de abril ó 14 de maio e as prazas son limitadas, tendo como data límite de inscrición o día 31 de marzo.
Na actualidade, Afaga conta con 30 traballadores nos seus programas de atención a persoas con demencia tipo Alzheimer e se estima que en Galicia traballan preto de 400 persoas en atención especializada a persoas maiores con dependencia. E a apertura de novos Centros de Día, tanto públicos como privados fan que as expectativas laborais sexan moi optimistas neste campo.
A asociación xestiona actualmente o Centro de Día de Beiramar, dependente da Xunta; unha Unidade Terapéutica en O Porriño e un Centro de Psicoestimulación en Vigo. Tamén organiza máis de 2.000 actuacións anuais nos seus programas de acollida, atención social, atención no domicilio, voluntariado social, apoio psicolóxico, formación, sensibilización… e atende a máis de 3.000 persoas en Vigo e a súa comarca.