O presidente lembra a importancia de doar sangue, máis ainda no final de ano no que aumenta a necesidade da mesma

Feijóo doando sangue, este venres

O presidente Feijóo, doou sangue este venres nas instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), nunha visita na que destacou o solidario labor de miles de galegos e galegas que, co solidario xesto da doazón, “contribúen a manter o intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios”. Segundo os datos da Xunta, as máis de 114.000 doazóns de sangue recollidas no pasado ano, situaron a Galicia como a terceira en taxa de doazón do Estado, superando en cinco puntos a media de participación estatal.

O presidente convidou á cidadanía a tomar parte activa das campañas de doazón de sangue, posto que, “diariamente, os nosos hospitais precisan en torno a 500 doazóns para levar a cabo unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender unhas 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos”.

A necesidade de reforzar o chamamento á participación dos cidadáns cobra unha vital importancia nesta recta final do ano, xa que “no mes de decembro rexístrase, tradicionalmente, un aumento das necesidades de compoñentes sanguíneos por mor das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico, coincidindo con datas festivas ou vacacionais”.

Sanidade salienta a sinxeleza da doazón posto que, para doar, tan só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Feijóo lembrou a importancia da doazón de medula ósea e o Servizo Galego de Saúde informa de que Fundación Josep Carreras teñen a disposición dos galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios. Poden ser doadores de medula ósea persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou poñer en perigo a súa vida polo feito da doazón.

 

También te puede interesar