O ciclo de rutas xeoculturais por Redondela, organizado pola Concellaría de Cultura, remata o domingo, 14 de decembro, coa ruta “Redondela en rochas”. O obxectivo, gozar do patrimonio natural, así como divulgar o coñecemento da xeoloxía, dunha forma lúdica e educativa.
A empresa de servizos xeoculturais encargada de desenvolver e guiar estas rutas é Olho de Sapo. Na última saída, fará un percorrido polo núcleo de Redondela que partirá da nova Estación dos Eidos ás 11 horas, para mostrar a realidade oculta baixo o granito, composta por xistos que poden contemplarse en determinados puntos. Ademais, falarán dos materiais graníticos da zona vella para despois, relacionalos coa xénese da enseada de San Simón a través dun paseo.
A ruta, orientada a público adulto, é de balde pero é necesario facer inscrición previa no teléfono 986 400 013. A actividade rematará arredor das 13:30 horas.