Galicia

Galicia pecha o ano coas pensións de xubilación máis baixas do Estado: 836 €, de media

A media das pensións en Galicia medrou un 1,8% en decembro, ata alcanzar os 738,95 €, o que sitúa as galegas como as segundas pensións medias máis baixas do Estado, só por enriba de Extremadura.

Segundo a información feita pública este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, en Galicia existen a 1 de decembro 749.941 pensións, un 0,8% máis que no mesmo mes do ano anterior.

Por provincias, A Coruña é a que rexistra un maior número de pensións, 288.375, e maior importe medio, 779,37 €; en Pontevedra hai 232.321 pensionistas, cun importe medio de 778,56 €; en Lugo 119.680, cun importe medio de 655,26 €; e en Ourense 109.565 pensións, cunha contía media de 639,95 €.

A pensión media do sistema no Estado, que comprende as distintas clases de pensión –xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares-, situouse ao iniciarse este mes en 877 € mensuais.

Galicia rexistrou en decembro un total de 464.630 pensións de xubilación, cun importe medio de 835,77 €, o máis baixo do Estado. Por provincias, A Coruña ten 177.167 pensións de xubilación, cun importe medio de 888,27 €; Pontevedra 142.361, cunha contía media de 893,15 €; Lugo 75.725 pensións de xubilación, dotadas con 729,63 € de media; e Ourense rexistra unha contía media de 699,80 €, a máis baixa de Galicia, nas súas 69.377 pensións de xubilación.

No Estado, a pensión media de xubilación alcanzou a principios de decembro os 1.008 € mensuais, o que supón un 2% máis respecto ao mesmo mes de 2013.

Galicia rexistra en decembro 187.187 pensións de viuvez, cunha contía media de 528,89 €. Así mesmo, as 68.601 pensións de incapacidade permanente dispoñen no último mes do ano un importe medio de 809,25 €. As 23.691 pensións de orfandade galegas ostentan unha contía media de 362,97 € e as 5.832 a favor de familiares sitúanse nos 467,48 €.

 

También te puede interesar