O 58,9% dos fogares galegos chega con dificultade ou moita dificulta co fin de mes, segundo os datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2014 feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Así, no último trimestre de 2014 rexístrase un aumento do 4,07% das familias que chegan con dificultade co fin de mes respecto ao terceiro trimestre -ata alcanzar o 50,31%-. Pola súa parte o 41,1% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade ao fin de mes, o que supón un lixeiro descenso do 0,72% fronte ao 41,82% do terceiro trimestres de 2014.
Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2013, a porcentaxe de fogares que chega con dificultade aumenta 5,69 puntos e a dos que chegan con facilidade ou moita facilidade crecen 0,75 puntos.
O 27,8% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses. Considéranse gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, así como ir ao cinema. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permitira deixar de traballar.