O concelleiro de xestión municipal, Carlos Font, reafirmou a vontade do Concello para que o proxecto da Cidade da Xustiza sexa unha realidade o antes posible. “Dende o Concello queremos a Cidade da Xustiza para Vigo pero é o Conselleiro de Presidencia o que debe trasladarnos de xeito inequívoco qué é o que pretende facer, cal é o seu proxecto e qué é o que demanda do Concello de Vigo”.
En resposta ás declaracións realizadas está mañá polo Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, sobre a tardanza na concesión dos terreos para construción da Cidade da Xustiza en Vigo, Carlos Font afirmou que “a posición do Alcalde é inequívoca, estamos a favor da cidade da Xustiza e estamos a favor de colaborar na concesión dos terreos” pero lamentou que, ata o momento, a Consellería de Presidencia non comunicase ao Concello as necesidades para a construción da Cidade da Xustiza.
- Falta de apoio da Xunta ao proxecto
O concelleiro defendeu que o Goberno de Vigo, co seu Alcalde á cabeza, sempre pediu a instalación do Xulgado do Mercantil na cidade e declarou que “si se acada, será grazas ao apoio recibido dende o Ministerio de Xustiza, dende o Tribunal Superior de Xustiza e ás xestións efectivas realizadas polo Alcalde, Abel Caballero. Da Consellería de Presidencia non obtivemos o apoio que necesitábamos” remarcou.
- Discordancia de criterio
Nas súas declaracións o concelleiro socialista tamén solicitou ao grupo popular do Concello de Vigo que “defina a súa postura” sobre este tema, “que dunha vez por todas aclaren qué é o que realmente queren”. Font afirmou que os populares defenden unha postura no Concello contraria á Xunta.
Así, lembrou que os populares vigueses nunha moción levada a un pleno do Concello de Vigo, solicitaban a supramunicipalidade dos terreos para a Cidade da Xustiza. O concelleiro asegurou que en caso de que agora ésta non sexa a súa postura “deberían rectificar no pleno”.