A deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia, Eva Solla, cre que o plan de renovación tecnolóxica hospitalaria da Xunta supón “entregar o control do corazón” da sanidade pública a empresas multinacionais.
Nun comunicado, Solla afirma que o devandito plan so é un paso para “privatización” da sanidade pública xa que son as empresas as que “fan a oferta de servizos e marcan o prezo final“. Por iso, sostén que os 88 millóns de euros cos que se dota este plan poderían “incrementarse notablemente”.
Solla precisa que a “privatización” que denuncia abranguería, ademais dos “equipos de radioloxía e radioterapia, o mantemento, a xestión e a formación do persoal público”.
Eva Solla subliña que o Goberno galego “non traballa para xestionar a Sanidade Pública galega, senón directamente para lograr a súa privatización”. Así mesmo, criticou á Xunta por “tapar o malestar social” derivado da “gravísima situación de colapso” nas urxencias hospitalarias anunciando “inexistentes plans”.