A Organización de Produtores de Leite (OPL) convocou os gandeiros galegos a unha folga xeneralizada de entregas a partir 12 da noite do 29 de marzo. Así mesmo, chama a unha manifestación o próximo 24 de marzo en Compostela en protesta polos “prezos que está a impoñer a industria e que provocarán a curto prazo a desaparición do sector lácteo nacional”.
Nunha reunión celebrada este venres, a Organización de Produtores de Leite-OPL, asociación profesional que engloba ao 9% da produción láctea estatal, decidiu iniciar mobilizacións “ante a insostible situación económica á que a industria está a levar ao sector con imposicións de prezos que fan inviable a actividade”.
Xunto a isto, acordou secundar unha manifestación que se celebrará ante a sede da Xunta en San Caetano, o próximo 24 de marzo.
Esta organización de produtores, que ten a súa sede en Santa Comba, representa a España dentro da European Milk Board, organización formada por máis de 100.000 produtores de leite da Unión Europea (UE).
Nun comunicado, a OPL subliña que a industria “está a impoñer prezos aos produtores de entre 0,22 e 0,28 € por litro, moi por debaixo dos custos de produción, facendo inviable para os produtores esta actividade”.
Así mesmo, os productores advirten de que “a desaparición da cota láctea, a conseguinte liberalización da produción e a desinformación á que estivemos sometidos os produtores no relacionado coa supertaxa, provocaron unha situación de incerteza e indefensión aos gandeiros, que está sendo aproveitada pola industria cunha imposición de contratos sen precedentes ante ameazas de non retirar o leite das granxas”.