Galicia

Catro mortos nas estradas galegas no que vai de Semana Santa

Ambulancia2Esta Semana Santa deixou un total de catro mortos nas estradas galegas, a mesma cifra que nas mesmas datas do ano anterior. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) o balance dos accidentes sucedidos nas estradas galegas e españolas esta Semana Santa aínda non finalizou, pois inclúe a noite deste domingo, así como a xornada deste luns -ao ser festivo nalgunhas comunidades-.

Tres dos catro accidentes mortais rexistrados en Galicia esta Semana Santa producíronse entre o Venres e o Sábado Santo. Así, o primeiro destes tres sinistros produciuse no concello lucense de Vilalba, onde, na tarde do venres, un rapaz de 25 anos morreu ao sairse o quad que pilotaba da vía e colisionar contra unha árbore.

O segundo dos accidentes mortais, acaecido na madrugada deste Sábado Santo, tivo lugar en Tui, onde outro home, de 52 anos, morreu ao colisionar a moto que pilotaba contra un farol tras sairse da vía.

Os investigadores que se encargaron do accidente apuntan, como primeira hipótese, a unha velocidade inadecuada, pero tamén estudan se puido haber un fallo mecánico no vehículo. E é que o falecido, que regresaba cara á súa casa, levaba posto o casco e ía equipado con roupa axeitada.

O último sinistro mortal nas estradas galegas produciuse na tarde deste sábado na estrada AC-840, á altura do termo municipal de Cesuras, na parroquia de Trasanquelos. En concreto, un motorista de 32 anos de idade, con iniciais D.V.A., perdeu a vida ao caer da súa moto nesta localidade coruñesa.

Xa na primeira fase desta Semana Santa, que se estende do 27 ao 29 de marzo, un home de 47 anos faleceu tras sairse o seu vehículo da vía en A Estrada.

No conxunto do Estado producíronse un total de 25 accidentes mortais, que contrastan cos 37 falecidos en estradas españolas en 2014. Así mesmo, nos accidentes rexistrados no conxunto do Estado, un total de 14 feridos precisaron hospitalización.

También te puede interesar