O fiscal superior de Galicia repetiu este mércores, en declaracións aos xornalistas que cubrían a súa entrevista coa presidenta do Parlamento de Galicia, que a Fiscalía ve “indicios racionais de criminalidade” nas actuacións de contratación do ex conselleiro e ex secretario xeral dos socialistas de Galicia, Pachi Vázquez, cando ocupaba a Alcaldía do Carballiño. Fernando Suanzes Pérez insistiu en que a causa está “en fase de instrución” e que, por tanto, se analizará toda documentación que se reciba.
Pola súa banda, o avogado de Vázquez volveu a asegurar que existe documentación na casa do concello do Carballiño que “permanece oculta voluntaria ou involuntariamente” e que a mesma amosaría que as contratacións “non se facían arbitrariamente” cando Vázquez era alcalde.
O letrado considera que ainda é cedo para o procesamento e pediu ao Concello do Carballiño que entregue toda a información solicitada, para que se poida xulgar se existen ou non indicios desa prevaricación continuada que se lle imputa a Pachi Vázquez pola suposta contratación irregular de 37 persoas dende 1999 e, en especial, entre 2003 e 2005.