Cultura

Motu Maeva e Liahona, gañan o XI Edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc

maureenfazendeiro©tamaradelafuente
maureenfazendeiro©tamaradelafuente

Play-Doc Festival Internacional de Documentais pecha este domingo a súa undécima edición e, este sábado pola noite, como cada ano, deu a coñecer os seus gañadores. Nesta ocasión, ao premio do xurado internacional súmase o de CAMIRA (Cinema and Moving Image Research Assembly), prestixiosa asociación internacional de críticos cinematográficos. O galardón da competición internacional consiste nunha pequena peza escultórica de pedra tallada polo artista Juan Vázquez, cunha dotación de 2.000 €. CAMIRA entrega un diploma en mostra do seu recoñecemento ao filme elixido, sen dotación económica.

O xurado internacional, composto por José Luis Cienfuegos (director do Sevilla Festival de Cine Europeo), Cíntia Gil (directora de Doclisboa) e Gabe Klinger (crítico, programador e cineasta) decidiu outorgar o premio a Motu Maeva de Maureen Fazandeiro; “polo xeito en que consegue transportar ao espectador a través dunha linguaxe persoal e íntima, mais ao tempo vibrante e expansiva en relación á Historia”.

talenasanders©gusabreu
talenasanders©gusabreu

Os críticos de CAMIRA Pamela Cohn (Senses of Cinema), Toni D’Angela (La furia umana) e Clara Martínez Malagelada (Sala 1) optaron por ofrecer o seu galardón a Liahona de Talena Sanders. Argumentan que “o xurado CAMIRA atopou na película de Talena Sanders unha ollada fresca e inspiradora, contada cunha voz artística e comprometida”. Particularmente, impresionoulles “o uso exquisito da montaxe, e a forma na que unha historia persoal se articula coa magnitude da paisaxe e a Historia”. Engaden: “Desexamos poder seguir vendo novos traballos de Talena Sanders”.

Motu Maeva poderá verse hoxe nun pase especial ás 11 da noite. O certame clausura ademais coa estrea de ‘Iris’, sobre a magnética deseñadora de moda Iris Apfel. A proxección do último filme de Albert Maysles é a homenaxe do festival ao recentemente falecido cineasta, referencia mundial do cinema directo, retrospectiva de Play-Doc en 2013.

You may also like