Traballadores da TVG- a través do blog ‘Eu non manipulo’-, veñen de denunciar, de novo, a “manipulación” dos informativos, a “presión” sobre os traballadores e a intensificación do sesgo nas novas do Telexornal na precampaña para as Eleccións Municipais.
O comité de empresa da TVG, alerta do “agravamento destas prácticas anticonstitucionais, relacionado coa vindeira convocatoria de eleccións”, e sinala que hai un “tratamento desigual das diferentes candidaturas políticas, coa promoción das pertencentes ao PP e a ocultación sistemática das conformadas por outros partidos ou coalicións, que, cando aparecen nos informativos, é só en relación con polémicas ou conflitos”.
O comité de empresa denuncia que hai “un repunte da inxerencia dos mandos intermedios sobre o traballo dos profesionais, con chamadas e presións constantes para determinar o sentido que deben levar certas informacións e mesmo para censurar a cobertura doutras”. Estas prácticas levan tempo sendo denunciadas polos propios xornalistas da canle, pero “a gravidade da situación fai que nestes momentos o comité asuma a responsabilidade de alertar publicamente sobre unha manipulación que considera burda, anticonstitucional e constitutiva de delicto”.