É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másAs Cíes acollerán, o día 9, o ‘Xeolodía’, unha actividade científica para dar a coñecer a xeoloxía aos cidadáns
O arquipélago das Cíes acollerá o vindeiro día 9 o ‘Xeolodía’, unha iniciativa que pretende achegar á sociedade tanto a xeoloxía como a profesión de xeólogo. Trátase dunha actividade gratuíta denominada ‘xeolodía’ que consiste nunha excursión de campo guiada por xeólogos aberta a todo tipo de público. Realizaranse en lugares interesantes pola súa contorna xeolóxica e proporciónase unha información rigorosa a nivel divulgativo.
Durante a excursión os participantes poderán ver o territorio con ollos xeolóxicos e coñecer algúns aspectos de como funciona a Terra sobre a que vivimos e de cuxos recursos naturais dependemos totalmente. É tamén unha maneira de sensibilizar á poboación sobre a importancia e necesidade de protexer o noso patrimonio xeolóxico. A nivel estatal, os xeolodías están organizados pola Sociedade Xeolóxica de España.
Na provincia de Pontevedra os organizadores do xeolodía son Irene Alejo e José Bienvenido Diez Ferrer, profesores titulares do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, en colaboración co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Para participar no xeolodía, que terá lugar o día 9 de maio, é preciso inscribirse previamente entre os días 4 e 7 de maio no teléfono 986813482 (de 10 a 14 horas) ou a través da web www.oceanografosgalicia.org.
En Galicia ademais da excursión ás illas do parque nacional baixo o lema “Illas Cíes: un tesouro xeolóxico por descubrir”, celebraranse actividades nas outras tres provincias. Na Coruña terá lugar no concello de Valdoviño, baixo o lema de “Descubrindo os tesouros da costa de Valdoviño” ; na provincia de Lugo a excursión celebrarase no concello de Quiroga, baixo o nome “Percorrido xeolóxico paleontolóxico pola serra do Courel; e por último, na provincia de Ourense, terán lugar a “Ruta xeolóxica polo canón do río Mao”, en Parada do Sil.