Un total de 2.284.763 galegos están chamados ás urnas este domingo para elixir 3.766 concelleiros das corporacións dos 314 concellos que ten Galicia, un menos que a anterior cita local pola fusión de Oza e Cesuras.
Para as votacións, haberá 2.506 locais electorais, 81 menos que na anterior convocatoria municipal. Serán 941 na Coruña, 431 en Lugo, 437 en Ourense e 697 en Pontevedra. Ás 9 da mañá abriron, sen incidentes salientabeis, as 3.997 mesas electorais de Galicia, 92 menos que na mesma cita de 2011:delas 1.545 na Coruña, 594 en Lugo, 572 en Ourense e 1.344 en Pontevedra.
Este domingo votan 31.886 electores menos que en 2011 e, do total de persoas que poderán exercer o seu dereito a voto, 82.362 poderano facer por primeira vez nunhas locais tras cumprir 18.
Por provincias, A Coruña conta con 942.346 electores (12.403 menos que en 2011); Lugo, con 289.541 (9.588 menos); Ourense, con 272.377 (8.315 menos); e Pontevedra, suma 780.499 cidadáns (1.580 menos).
Aínda que nas cidades da Coruña e en Ferrol produciuse unha perda de electores, de 1.361 e 2.270, respectivamente; na capital galega houbo un lixeiro incremento, concretamente, de 94 persoas.
Na capital lucense, tamén se experimentou, ao contrario que na provincia, un aumento do número de electores, ao pasar de 78.866 a 79.331, é dicir, 465 máis. Este mesmo fenómeno se repetiu en Ourense, onde se pasou de 87.579 electores a 87.779, 200 menos.
As cidades de Pontevedra e de Vigo tamén gañan persoas con dereito a voto. No caso da capital da provincia, 992 (de 65.549 a 66.541); e no caso de Vigo, a cidade galega con máis votantes, 1.029 electores máis (de 237.782 a 238.811), elixirán a 27 concelleiros.