Á mesma hora que o alcalde esixía ao presidente do Goberno de Galicia que explicase aos vigueses porqué avisou este martes ao Concello que o novo hospital empeza a funcionar o vindeiro luns, “dentro de seis días”, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en Vigo, salientaba “o exercicio de planificación, coordinación e o compromiso” do Executivo para dotar dos mellores accesos ao Álvaro Cunqueiro.
Así o declaraba aos xornalistas durante a visita que esta mañá realizou, xunto coa conselleira de Sanidade, ás obras xa rematadas do novo acceso ao complexo hospitalario, que supuxeron un investimento por parte da Axencia Galega de Infraestruturas de 1,8 millóns de euros.
Ethel Vázquez salientou o esforzo realizado dende a Xunta para axilizar ao máximo a mellora da Avenida Campoamor: a previsión inicial era comezar as obras en marzo, pero os traballos previos permitiron adiantar o inicio ao 23 de febreiro, co obxectivo de que a actuación estivese rematada antes da posta en servizo do novo hospital.
A actuación, indicou, comezou na glorieta do enlace co segundo cinto de circunvalación de Vigo (VG-20), na que se executou unha nova saída exclusiva para acceso ao hospital. Esta saída conta con dous carrís, un para acceso exclusivo de urxencias e o outro que continúa como vía de servizo ata a entrada principal do Hospital. O carril de uso exclusivo para urxencias cruza o río Barxa mediante un pequeno viaduto e desemboca na glorieta do hospital.
Así, a sección tipo da avenida neste treito engade aos dous carrís actuais por sentido, outros dous carrís adicionais de acceso ao hospital. Nesta zona permítese, ademais, a saída dos vehículos desde a zona de urxencias do hospital cara a avenida.
Para complementar a actuación, construíuse unha nova glorieta, que permitirá todos os cambios de sentido, na intersección entre a avenida Clara Campoamor e o acceso á entrada principal do centro hospitalario. Conta con dous carrís de 4 metros de ancho, beiravía interior de 1,5 metros e exterior de 0,5 metros.
A conselleira afirmou que, atendendo ás demandas dos veciños, o Goberno de Galicia habilitou dúas paradas de autobús, unha a cada lado da vía, para facilitar a mobilidade e os desprazamentos de todos os cidadáns que teñan que acudir ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Ademais, Vázquez informou que o Goberno está a traballar de cara a lograr que unha liña interurbana de autobús faga parada no hospital -a que fai traxecto entre Vigo e Baixo Miño-. Onte mesmo, como informou vigoalminuto, o Diario oficial de Galicia publicaba a resolución pola que se somete a trámite de información pública o expediente de reestruturación e ampliación de tráficos no novo hospital, co fin de autorizar esta parada. “E tamén mantemos conversas co Concello para coordinar co transporte urbano a mellor solución de acceso ao centro hospitalario desde o resto de liñas”.
Pola súa banda, a responsable a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, engadiu que “estamos orgullosos da obra do hospital, mais hai algo que, reitero, debemos lamentar: o inexplicable boicot do goberno municipal á maior e mellor infraestrutura sanitaria pública que se fixo en Galicia, xusto aquí, en Vigo”. Mosquera indicou que “non se entende moi ben como unha mellora de semellante magnitude a prol da saúde dos seus cidadáns pode ser dificultada no seu desenvolvemento dun xeito tan irracional. Precisamente, foi a entrega da obra por parte da concesionaria a mellor resposta fronte aos enganos e terxiversacións sobre o proxecto, o seu financiamento e a súa utilidade”, afirmou.
“O grupo do señor Caballero dixo que non se financiaría, e se financiou; que non se faría e fíxose; e que sería privado, e é público. Máis alá do populismo, a realidade é tozuda”, apostillou.