A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, nega que as axudas aos rapaces anunciadas polo Concello, logo do final das clases e do peche dos comedores escolares, estén dándose realmente. Nunha nota enviada a esta redacción indica que “nunha asemblea, varias familias contaron o que non hai tras este anuncio; unha persoa di que no departamento de Benestar Social do Concello non saben nada disto, din que pidamos cita coa traballadora social”.
A Oficina sinala que “non hai medidas extraordinarias, e as ordinarias están marcadas pola lentitude, o colapso, a insuficiencia de recursos, a arbitrariedade anunciadas polo Concello”. Segundo denuncia, “mentres as familias sofren os recortes nas bolsas, nos comedores e nas axudas directas, os poucos recursos públicos oriéntanse cara a ineficaces proxectos privados e ONGs que funcionan xestionando a caridade para pobres, mentres ás beneficiarias se lle negan os Dereitos Sociais e a dignidade”.
Esta asociación advirte de que as respostas que a concellería que dirixe Isaura Abelairas ofrece son as Axudas de Emerxencia Municipal e os paquetes de alimentos de organizacións privadas (AFAN, Vida Digna ou Hermanos Misioneros) “ás que envían as propias traballadoras sociais do concello”.
Ademáis, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia engade que, “no mellor dos casos esa axuda ‘inmediata’ supón agardar, cando menos, un mes pola cita coa traballadora social (tempo que coas vacacións do persoal pode aumentar); esperar 2 ou 3 semanas pola concesión da axuda no caso de que a traballadora social e a comisión aproben dita axuda, polo que é fácil que esa familia e as súas crianzas teñan que agardar até case o comezo do curso seguinte pola Axuda de Emerxencia Municipal ou que a solución pase por un paquete de alimentos”.