Os dragóns son embarcación con reminiscencias orientais e certa tradición en Portugal que a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais recupera agora para desfrutar do I Trofeo Interuniversitario que se celebrará o vindeiro 22 de maio en augas de Tui.
Na regata, que pretende ser un punto de encontro entre as comunidades educativas de Galicia e o norte de Portugal, daranse cita seis barcos dragón, un por cada universidade da eurorrexión: Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Minho, Tras os Montes e Porto. Todo co obxectivo de convertela nunha cita anual na que promover a alianza e a cooperación. O referente, a regata clásica entre Oxford e Cambridge.
A falta de raigame desta disciplina de remo en Galicia verase compensada coa gran vistosidade destas embarcacións, que contarán cunha tripulación mixta, con cinco homes e cinco mulleres, máis un timonel e un tamborileiro, xa sexan homes ou mulleres. E escolleuse este tipo de embarcacións polo seu fácil manexo e a gran visibilidade. O percorrido constará de nove quilómetros que se desputarán en auga do río Miño á altura de Tui, un dos berces do remo e do piragüismo en Galicia.