O peche do prazo de inscrición de proxectos na terceira edición de ViaVigo, agora tamén ViaGalicia xa que ampliou o seu ámbito territorial, 309 ideas de negocio inscribíronse para participar neste programa de aceleración de empresas promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e o Goberno de Galicia. Este récord no número de iniciativas, que aspiran a converterse en empresas de éxito, supón un incremento do 58,46 % en relación ás 195 inscricións rexistradas na pasada segunda edición.
Nesta terceira convocatoria, se no mes de setembro un proxecto é seleccionado, accederá a un programa no que a fase de Academia terá lugar paralelamente nas sedes de Lugo e Vigo segundo a escolla dos seus promotores, e a fase final, a fase de Aceleradora, a realizará exclusivamente no Centro de Negocios de Porto do Molle.
Do total de presentacións, un 29,45 % corresponden a ideas que optaron por realizar as tres primeiras fases do programa na sede de Lugo, xa que os emprendedores, a través das plataformas viavigo.com e viagalicia.gal, puideron escoller entre as dúas localizacións. Nesta edición, aos emprendedores que fagan a fase de Academia na sede de Lugo e pasen a fase final de Aceleración, se lles facilitarán 5.000 € para sufragar os gastos de desprazamento a Porto do Molle.
Nun rápido repaso aos proxectos presentados ata o peche que tivo lugar o este pasado venres, 31 de xullo, o Comité Técnico xa destaca que unha alta porcentaxe deles presenta unha gran calidade na súa proposta, cunha boa identificación da oportunidade de negocio, con elementos diferenciais nas súas solucións que trasladan unha proposta de valor aos seus potenciais clientes e cun modelo de negocio definido a priori sobre o que pivotar a nova empresa ao longo do programa de aceleración.
En relación ao ámbito sectorial das devanditas candidaturas, constátase que un 24,92 %das mesmas están directamente vinculadas con Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). De tódolos xeitos, o ámbito sectorial é moi diverso, con iniciativas pertencentes a diversos sectores.
Nesta 3ª edición do programa ViaGalicia|ViaVigo os 15 proxectos que sexan seleccionados para a fase de aceleración accederán ata a un máximo de 125.000 € en forma de capital semente baixo as seguintes modalidades de financiamento: unha subvención a fondo perdido da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de ata un máximo de 25.000 €, ampliable en 5.000 euros para aqueles proxectos rexistrados inicialmente na sede de Lugo; un préstamo participativo con opción de capitalización de XesGalicia, sociedade de capital risco vinculada á Xunta, de ata un máximo de 50.000 €; e, un préstamo participativo con opción de capitalización de Vigo Activo, sociedade de capital risco vinculada ao Consorcio Zona Franca de Vigo, de ata un máximo de 50.000 €.
En setembro, o Comité Técnico do Programa preseleccionará ata 40 ideas de negocios por cada sede entre os que mellor respondan aos criterios de innovación, acelerabilidade e investibilidade. No seguinte paso, cada grupo dos corenta seleccionados pasará a participar no “Startup Day” que terá lugar en Lugo e Vigo nunha xornada na que se seleccionarán os seguintes 20 mellores proxectos que poderán continuar nas dúas Academias e dos que, noutra avaliación, sairán os 15 finalistas para a fase de Aceleradora que, como xa é coñecido, celebrarase nunha única sede en Porto do Molle.