Marea de Vigo presentou este venres no Rexistro do Pleno a súa proposta de modificacións das ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio orzamentario de 2016 que, para o seu voceiro municipal “teñen que combinar dous requisitos: a esixencia de aumentar a atención as situacións de necesidade derivadas da actual crise económica e a necesidade de que o concello conte cos recursos económicos suficientes para atender os servizos que presta á veciñanza”
Rubén Pérez subliñou que Marea de Vigo é consciente do marxe limitado dos concellos para decidir políticas fiscais pero existen analogamente marxes para decidir que fiscalidade se quere aplicar, dende a definición do tipo impositivo da ‘contribución’, as bonificacións, tributos e taxas propias e mesmo a través do gasto no orzamento.
O grupo municipal de A Marea, “non entende a aplicación xeneralizada da suba do IPC nun 1,1% (calculado pola media do mesmo entre abril de 2012 e abril de 2015) nun contexto no que o IPC anunciado para abril de 2015 é do 0,2%” e que “estamos ante unha suba moi por debaixo dos incrementos mediais salariais por negociación colectiva que apenas chegan ao 0,74%. E non entendemos esta suba agora, no primeiro exercicio despois do proceso electoral de maio, logo de anos de conxelación, curiosamente nos exercicios previos ás eleccións municipais. A situación económica na nosa cidade non é mellor que en 2013 ou 2014 para argumentar agora esa suba nin antes a conxelación por intereses exclusivamente electorais”.
Marea de Vigo propón non aplicar a suba do IPC proposto do 1,1% no 2016 e aplicar progresivamente incrementos a partir 2017 en base a un criterio exclusivamente de renda, e nunca por enriba do IPC que se publique nese ano e sucesivos, quedando en todos os exercicios exentas da suba as rendas inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional.