Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar unha iniciativa no parlamentaria na que esixe á Xunta que declare Galicia como “terra de acollida” de persoas refuxiadas que marchan de países en guerra ou empobrecidos.
“O noso país debe asumir responsabilidades e asumir unha solidariedade activa coa xente que escapa das guerras e da miseria”.
A Comisión Europea vén de publicar a cantidade de persoas refuxiadas que debe asumir o Estado español para contribuír á solidariedade coas persoas refuxiadas, 5.837. “Se esa cantidade se reparte por comunidades autónomas segundo a poboación, a Galicia corresponderíanlle 707 refuxiadas e refuxiados. Isto é perfectamente asumíbel e demanda de nós mesmo un maior compromiso”, sinala Alternativa Galega de Esquerda.
A maiores da declaración de Galicia como “terra de acollida”, o grupo parlamentario someterá ao pleno do Parlamento de Galicia a necesidade de “crear un plan de acollida e dotalo economicamente, con partidas destinadas á posta en funcionamento de centros de acollida para persoas refuxiadas en condicións de dignidade”.
Ademáis, AGE solicita que o Goberno de Galicia, en base á Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948 e á Carta de Dereitos Fundamentais da propia Unión Europea, pida ao Goberno do Estado que se comprometa a acoller máis persoas das propostas pola Comisión Europea “para dar cumprimento ás normas en materia de dereitos das persoas refuxiadas e de asilo”.