Segundo denuncian celadores do novo hospital, “traballadores dunha empresa privada comezaron a realizar unha parte importante das nosas funcións, recollidas expresamente no Estatuto de persoal non Sanitario e posterior Estatuto Marco: O reparto e distribución de material, analíticas e documentación de carácter confidencial”.
Ao seu xuizo, trátase, sen dúbida, dunha “privatización encuberta” e dun primeiro paso para a desaparición dun colectivo fundamental dentro da sanidade pública.
“Para os compañeiros con lesións e patoloxías derivadas dos esforzos e sobrecarga física continuada, propia do noso traballo, isto supón non poder realizar outras funcións, igual de importantes e necesarias, acordes coa súa problemática”, advirten e engaden que hai unha porcentaxe importante de celadores con adecuacións laborais, incluso que aprobaron unha Oferta de Emprego Público pola porcentaxe reservada a persoas con discapacidade. “¿Que pretenden facer con todos eles?”
Para os traballadores inscritos na Listaxe de Contratación Temporal do Sergas (na que se valora: nota de exame de oposición pública, cursos de formación realizados e experiencia profesional acumulada), “a privatización supón simplemente deixar de traballar.: abocar a centos de persoas preparadas e con ampla experiencia ao paro, ás listaxes do INEM”.
Segundo denuncian, é difícil atopar un sentido a todo isto, “fóra do interese desmedido e brutal dunha xente que decide o futuro de todos nós como se fosemos lixo, o mesmo lixo que se acumula cada día no Hospital Alvaro Cunqueiro, por falta de persoal” e, alertan de que “o Servizo Galego de Saúde despilfarra cartos públicos tendo recursos humanos propios para regalarllos á concesionaria, iso se chama malversación”.