O departamento de Servizos Sociais do Concello de Salceda ven de abrir o prazo para as novas solicitudes para entrar a formar parte do Programa de Alimentos do Concello. As persoas interesadas deben pasar polas oficinas municipais antes do día 30 deste mes de setembro, para que se lles informe dos requisitos precisos e a documentación a presentar. Un dos mesmos é estar empadroados en Salceda con unha antelación mínima de tres meses para poder acceder ao Programa.
O Programa de Alimentos de Salceda atende actualmente a unhas 70 familias do Concello, que reciben alimentos en función do número de membros da unidade familiar, con especial atención aos máis cativos. O Programa súrtese fundamentalmente dos excedentes da Unión Europea distribuídos a través da Cruz Vermella, aínda que é básica tamén a aportación de alimentos feita de actos benéficos, festivais ou certames organizados tanto polo Concello como por diferentes asociacións e entidades do municipio.
Segundo subliña Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social, “estamos a falar dun programa fundamental e que resulta de gran axuda para as familias máis desfavorecidas do noso Concello. Aproveito para agradecer a enorme colaboración das asociación e empresas de Salceda, que continuamente están a facer aportacións para mellorar o programa”.