Atlas lingüísticos, tradutores automáticos, estudos sobre linguas minorizadas… son só algúns exemplos dos resultados que acadan no día a día do seu traballo os chamados lingüistas aplicados, expertos da lingua que teñen como tarefa principal dar pistas á sociedade sobre as múltiples utilidades prácticas que pode ter a sintaxe.
Co obxectivo de pórse ao día sobre as últimas investigacións neste campo dende hoxe e ata o vindeiro sábado reúnense en Vigo máis de 300 expertos procedentes de 50 universidades españolas, europeas, americanas e asiáticas no XXVIII Congreso da Asociación Española de Lingüística Aplicada, AESLA.
O congreso conta con 10 paneis temáticos no que se exporán traballos sobre tradución, ensinanza e aprendizaxe de linguas, psicolingüística, análise do discurso… para o que se contará coa participación de primeiras figuras mundiais neste sector, como Sylviane Granger, da Universidade Católica de Lovaina en Bélxica, que foi a encargada de impartir a conferencia inaugural; Ruslan Mitkov, un número un da lingüística computacional, ou Pilar García Mayo, autora de numerosos estudos sobre adquisición de linguas en contextos bilingües e trilingües, un caso especialmente interesante no caso de Galicia, co debate na rúa.