Vigo al minuto

Traballadores de limpeza de zonas verdes de Vigo convocan unha folga indefinida dende o día 28

Zona verdeO comité de Althenia, a nova concesionaria do servizo municipal de mantemento e conservación das zonas verdes de Vigo, anunciou a convocatoria de folga indefinida a partir do luns 28 de setembro “ante a discriminación do persoal subrogado”. A representación sindical denuncia que a empresa négase a aplicarlle o convenio propio de parques e xardíns aos traballadores que antes pertencían ao servizo de parques forestais e ao de xardinaría da zona de Balaídos, rexidos polo convenio estatal.

“Isto supón unha diferenza salarial de 6000 € anuais, o que na práctica significa un caso claro de discriminación entre traballadores que agora pertencen á mesma concesión unha vez unificadas as tres”.

Os representantes dos traballadores indican que esta situación fixo que acudisen á Inspección de Traballo, “que nos deu razón”. Diante disto, o cadro de persoal decidiu por unanimidade en asemblea convocar a folga, o que lle foi comunicado á dirección, “que respostou que non ten nada que dicir”. O Concello limitouse a asegurar que só poden facerlle cumprir á empresa o prego de condicións, “algo que por outra banda tamén incumpre a empresa”.

Isto está a provocar, sinalan, que a prestación do servizo se atope “moi deteriorada”, con servizos que non se prestan ante a falta de material axeitado. “Os traballadores xa están a padecer o resultadode adxudicar un servizo por menos de 18 millóns de euros”. A folga só virá a empeorar a situación xa que, ademais de ao mantemento das zonas verdes, afectará á recollida do lixo no paseo de Samil, e incluso ao funcionamento das piscinas municipais -xa que os socorristas pertencen tamén á concesionaria-.

Entre as principais deficiencias atopadas coa chegada da nova empresa -algunhas delas aínda se manteñen a día de hoxe- os traballadores indican: a ausencia dunha nave e de vestiarios, falta de roupa (incluíndo traxes de auga) e de botas e furgonetas sen reixas interiores, o que constitúe un perigo para os operarios durante o transporte das ferramentas.

Te podría interesar