A vindeira semana amplíanse as liñas de autobús ao hospital Álvaro Cunqueiro mediante servizos directos a 7 novos concellos. O próximo luns, Autos González xa prestará os seus servizos dende Redondela, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.
A mediados da vindeira semana, Empresa Raúl tamén comezará a operar dende os concellos do Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e A Cañiza. Ademais, esta empresa reforzará servizos en Ponteareas, As Neves, O Porriño, Salvaterra do Miño, Salceda de Caselas e Mos. Deste xeito, Mos contará con servizos dende parroquias como Petelos, Vaquero, Porteliña ou Tameiga. Os concellos de Salvaterra do Miño e Salceda de Caselas agora só contan con servizos dende parroquias e pasarán a contar con servizos dende o núcleo.
Con estas novas autorizacións, 20 concellos, ademais de Vigo, terán transporte directo ao novo hospital logo que, dende xullo, co inicio das consultas médicas, 13 concellos teñen servizos directos ao novo hospital, logo das modificacións dos contratos de Melytour, ATSA, Empresa Ojea e Autoindustrial, que prestan servizos aos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Gondomar, O Porriño, Mos, Ponteareas, As Neves, Crecente, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e Arbo.
No relativo ao transporte ao Morrazo, o servizo de Mobilidade de Pontevedra está a analizar a proposta de Transportes La Unión de servizos directos dende Cangas e Moaña ata o novo hospital.
Estos son os horarios das novas conexións, nas que a liña con saída de Fornelos de Montes pasa por Pazos de Borbén e Redondela.
Horarios cara ao hospital dende Fornelos, Pazos de Borbén e Redondela ás 07:00; 07:30; 07:45; 08:00; 14:00; 14:40; 14:55 e 15:10. Horarios volta do hospital: 11:30 a Fornelos por Redondela e Pazos; 15:05 a Redondela; 18:45 a Fornelos por Redondela y Pazos e 22:00 h. a Redondela.