Galicia

Empeza a distribución de 1.500 trampas e botes de líquido para loitar contra a vespa velutina

VespasMedio Rural comezou a distribuír 1.500 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos apícolas localizados en concellos nos que se detectaron niños desta especie invasora. A cantidade de trampas a distribuír a cada apicultor depende do número de colmeas que posúan.

A finalidade desta medida é intensificar o vixente programa de loita contra a vespa velutina coa colocación de trampas para a captura de raíñas no outono, momento no que estas se sitúan fóra do niño ata a época de hibernación. Deste xeito, cada raíña fundadora capturada podería significar un niño menos no entorno na tempada seguinte. As experiencias na loita fronte á vespa velutina sinalan que a colocación de trampas no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas.

Na primavera de 2015 xa realizou o reparto doutras 1.300 trampas –en concellos nos que se detectaran niños no ano 2014–, destinadas tamén á captura de exemplares de raíñas fundadoras. O balance de capturas ao final dese período foi de 3.000 exemplares, o que significou outros tantos niños activos menos nesta tempada.

O actual reparto de trampas realizarase aos apicultores dos concellos nos que non se entregaron trampas en primavera, posto que naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería xa entregou anteriormente trampas ao comezo do ano, os apicultores poden seguir utilizándoas mediante o uso de atraentes caseiros. A entrega de trampas e botes de líquido atraente comezou esta semana, realizándose a través das Oficinas Agrarias Comarcais.

Para minimizar os efectos desta vespa, está en marcha un Plan de vixilancia e control que inclúe, ademais destas medidas, a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. A través deste plan, localizáronse ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa. No que vai de ano, xa foron eliminados ou neutralizados máis de 1.800 niños.

También te puede interesar