A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, lembra que o pasado 13 de maio de 2015 o Concello publicaba a convocatoria do “Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación 2015”, o coñecido como “cheque social”.
O Concello tiña un prazo de tres meses para resolver as 2.800 solicitudes que se fixeron nesta convocatoria. Dito prazo rematou o 9 de setembro, e, “como sucedeu nas anteriores convocatorias e pasado máis dun mes”, aínda non foron concedidas as axudas. “O máis grave é que desde o Departamento de Benestar Social din que a demora será, como mínimo, dun mes máis”.
A Oficina salienta que, como xa denunciara no seu día, “estas axudas constitúen a resposta precaria e miserenta do Concello de Vigo ante o empobrecemento brutal que está a padecer a cidadanía, por resultar un programa totalmente insuficiente e inxusto, non só pola insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo”.
Para esta asociación,”non contento con perpetuar esta caridade institucional á que nos ten acostumadas, o goberno local permítese ter agardando a miles de familias na incerteza e na precariedade”, demorando meses a concesión dunhas axudas mínimas e insuficientes.
Ao seu xuizo, mentres concesionarias privadas enchen os petos coa xestión dos servizos sociais municipais “para nós queda aturar a cantinela de que non hai cartos” para dotar ao departamento, o cal “non é quen de dar curso aos expedientes atascados na tramitación por falla de recursos”.
“Estamos fartos da propaganda do Alcalde que mente e manipula as cifras sen amosar un mínimo de rubor antes as carencias que padecen moitas veciñas”, indican e, fronte a isto, esixen medidas que desborden o sistema. “Esiximos, e traballamos, pola Renda Básica das iguais e por moitísimo máis”. A Oficina de Dereitos Sociais de Coia asegura que estas políticas o único que procuran é “maquillar a crúa realidade, perpetuar a desigualdade e a inxustiza, desmobilizarnos e confundirnos dos vieiros que debemos camiñar para parir unha vida digna e plena”.