Galicia

Os Gardacostas de Galicia incautaron ata marzo 4.914 aparellos e útiles a furtivos no primeiro trimestre de 2010

GardacostasAxentes do Servizo de Gardacostas de Galicia incautaron aos furtivos entre xaneiro e marzo deste ano un total de 4.914 bens e medios. Este resultado é froito da aplicación da nova estratexia do Plan de Loita contra o Furtivismo adquirida dende a Mesa do Burgo, a finais de novembro e que ten como unha das medidas principais a de incidir nas zonas máis conflictivas a través de operativos coordinados coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policía Autonómica.

Das 4.914 incautacións de xaneiro a marzo, a maioría, case 2.000, son nasas de polbo. Tamén é importante a aprehensión de 7 vehículos e 4 embarcacións. No que atinxe ás especies, a estratexia do Servizo de Gardacostas centrouse en comisar as de máis valor no mercado. Así, dos 7.440 quilos requisados nestes tres meses, 781 quilos foron de centola, 750 de polbo e 507de nécora.

30 operativos especiais

Nestes tres meses de 2010, os gardacostas realizaron 30 operativos conxuntos, a maioría nas Rías do Burgo (9), de Arousa (7), e de Ferrol (3). O resultado destas operacións conxuntas foi a incautación de 548 útiles, entre eles 6 vehículos. Nestes operativos axentes de Gardacostas e da Policía Autonómica identificaron a máis de 400 persoas sendo detidas 4.

Dentro destes operativos especiais cabe destacar o do día 19 de xaneiro na Ría do Burgo, que se saldou coa identificación de 19 persoas, a incautación de 114 útiles e o comiso de quilos de ameixa e berberecho. Esta operación realizouse en coordinación coa UPA, o Corpo Nacional de Policía de A Coruña, o Servizo Marítimo da Garda Civil e patrullas da Garda Civil de Oleiros, Cambre e Culleredo.

Tamén é salientable a actuación desenvolvida en Ferrol o 1 de marzo, que tivo como resultado 31 persoas identificadas, o comiso de 148 quilos de diferentes especies e 58 aparellos aprehendidos. Esta actuación desenvolveuse en colaboración coa UPA, o Corpo Nacional de Policía de Ferrol e patrullas da Garda Civil de Fene, San Sadurniño e Pontedeume.

Inspeccións en 84 restaurantes na véspera de Semana Santa

A Consellería do Mar está a realizar tamén controis en estradas, restaurantes, centros de cultivo, portos, peixerías e depuradoras, co obxecto de sensibilizar ao consumidor para que non adquira produtos mariños fóra dos canles legais. Así, fóra de Rías o axentes aprendéronse dun tal de 169 aparellos e de 126 quilos de diferentes especies. Neste sentido, cabe destacar a inspeccións desenvolvidas nos días previos á Semana Santa (entre o 23 e o 30 de marzo), a 84 centros de hostalería, onde os inspectores da Xunta levantaron 22 actas de presunta infracción e 3 actas de advertencia.

Te podría interesar