Durante o ano pasado houbo en Galicia 189 doadores de tecidos, o que representa unha taxa de 68 doadores por millón de poboación, e houbo, así mesmo, 85 doadores de órganos, o que representa unha taxa de 30,4 doadores de órganos por millón de poboación. Toda esta actividade permitiu que se realizaran no 2009, na nosa Comunidade, 272 transplantes de órganos e 1.142 de tecidos (un 2 por cento e un 15 por cento máis respectivamente que no 2008). Por cada órgano que se transplanta en Galicia realízanse unha media de 4,5 transplantes de tecidos.
Asemade, cómpre sinalar que cunha soa doazón de tecidos humanos benefícianse en Galicia unha media de 20 persoas. Así, todos os días realízanse nos hospitais galegos transplantes de tecidos, producíndose ao redor de 2,5 intervencións por día, das que se beneficiaron no pasado ano 921 galegos.
Dos 1.142 implantes de tecidos realizados o pasado ano, 757 foron de tecido músculo esquelético, 149 de proxenitores hematopoéticos, 119 de córneas, 101 de membrana amniótica, e 16 de tecido vascular.
Evitar amputacións e cegueiras
O emprego dos tecidos humanos en beneficio do paciente é moi amplo, mellorando, considerablemente, a calidade de vida. O tecido máis utilizado é o músculo esquelético, (óso, ligamentos e cartílagos, con 757 enxertos que se implantaron a 561 persoas en Galicia), o que representa un 19,7 por cento máis de implantes que o ano anterior. As indicacións de utilización son moi diversas, fundamentalmente en situacións como a de recambio de próteses, tanto de cadeira como de xeonllo, sendo os maiores beneficiarios as persoas de idade avanzada. Outra indicación cada vez máis demandada é os casos de rotura de ligamentos de xeonllo.
Ademais, hai casos máis graves nos que, grazas aos transplantes de tecidos, pódense evitar algunhas amputacións de membros por causa de tumores óseos, permitindo substituír o óso con tumor por outro dun doador.
Convén destacar, así mesmo, o incremento experimentado no último ano do transplante de proxenitores hematopoéticos, ou antes chamado de médula ósea, que xa é o segundo tecido máis implantado. Ata xaneiro de 2008 se realizaba en Galicia transplante hematopoético do propio paciente (autólogo), ou dun familiar (aloxénico emparentado). A partir desta data incorpórase á carteira de servizos do Sergas o transplante de proxenitores hematopoéticos aloxénico non emparentado en tres centros, concretamente nos Complexos Hospitalarios Universitarios de Santiago, Coruña e Vigo. Así, no ano 2009 realizáronse 149 transplantes de proxenitores hematopoéticos, dos que o 14,8 por son de aloxénico non emparentado. Trátase de transplantes fundamentais en enfermidades sanguíneas e cancros, como é o caso da leucemia.
O implante de córnea é o terceiro tecido máis utilizado, 119 realizados. Os resultados de este implante son evidentes, posto que posibilitan devolver a visión ou evitar que se perda un globo ocular por unha lesión.
Outros tecidos tamén transplantados son a membrana amniótica que, cada vez máis, ten un campo de aplicación amplo en lesións oculares como membrana protectora. No ano 2009 implantáronse 101, o que representa un 36,5 por cento máis respecto do ano anterior, ou o tecido vascular (16 enxertos), que evitaron a amputación dun membro por falla de risco sanguíneo en persoas con problemas arteriais.
Bancos de tecidos e solidariedade
Un dos grandes avances e vantaxes dos transplantes de tecidos fronte ao transplante de órganos é a mellor e maior conservación dos mesmos. Pódese realizar a extracción dos mesmos e conservalos mediante procedementos que aseguran o seu almacenamento por longos períodos de tempo a baixas temperaturas, como é o caso da criopreservación (-196 ºC). Os tecidos extraídos consérvanse en bancos especializados. Galicia conta con dous bancos multitecidos, o do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e o Instituto de Ortopedia de Santiago, aos que acoden o resto de hospitais da Comunidade cando precisan algún tecido.
Sinalar, así mesmo, que a Oficina de Coordinación de Transplantes do Sergas lembra que é preciso que para que máis pacientes poidan continuar beneficiándose dos tecidos humanos hai que pensar na doazón e aceptala como o elemento imprescindible para continuar salvando vidas e ofrecendo, cada vez máis, mellores prestacións.
Así, o número de novas tarxetas de doador crecen ano a ano en Galicia, e, na actualidade, xa son 74.198 as persoas que posúen a tarxeta de doador, pero non é suficiente, xa que hai que ter presente que sen doadores non hai transplantes, nin de órganos nin de tecidos