Segundo informa a Deputación de Pontevedra, os concellos da comarca do Condado-Paradanta recibirán o ano que ven 1 millón de euros máis que este 2015. En concreto, co novo “Plan Concellos 2016” os nove concellos da comarca -Mondariz, As Neves, Ponteareas, Balneario, Salvaterra, Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente- reciben “un 34 % máis diñeiro que no 2015, sempre nas catro liñas contempladas dentro deste programa”.
A Deputación lembra que, por primeira vez, deu “información ós 60 concellos da provincia de Pontevedra e ós seus cidadáns, de cada un dos proxectos en marcha” e, subliña, co Plan Concellos 2016 se incrementa en 16 millóns de euros os fondos que recibirán todos os municipios da provincia de Pontevedra con respecto o pasado ano.
A Deputación indica que cada un dos concellos recibiu información dos criterios de reparto para que “poidesen analizar as cifras e indicasen, de ser así o caso, alternativas ou modificacións ó mesmo”. Dende o organismo provincial lémbrase que “ningún concello, nin sequera os gobernados polo Partido Popular e que agora cuestionan o Plan, enviaron modificacións ou queixas relativas os criterios antes da súa aprobación”.
“Todos os concellos da provincia, independentemente da cor política que teñan, recibirán maiores recursos económicos” xa que, “a maiores de incrementar en 10 millóns de € os fondos de concorrencia, incorpora os 6 millóns de € de libre disposición que o anterior presidente tiña como instrumento para un reparto arbitrario, clientelar e caciquil no que os municipios non gobernados polo PP non recibían nin un euro”.
A Deputación engade que “recordamos casos vergoñentos como Agolada, con 2.651 habitantes, que recibía de libre disposición 648.753 €, o dobre do que lle correspondía por concorrencia; Meis con 5.033 habitantes, que recibía 380.000 € por concorrencia e un 103% a maiores, é dicir 389.982 €, de libre disposición; Ribadumia, cunha poboación de 5.103, que recibía de concorrencia 373.838 € e de libre disposición un 60% máis de fondos, é dicir, 224.657 €; ou Vilagarcía de Arousa, con 37.712 habitantes, que recibía por concorrencia competitiva 1.169.397 € e un 36% a maiores de libre disposición, é dicir, 416.657 €. No ano 2015 ningún concello da provincia de Pontevedra que non gobernara o PP recibiu un so euro do diñeiro de libre disposición que o ex presidente Louzán tiña para os seus amigos”.