Comarcas

A Deputación publica as bases para a adxudicación de espazos e servizos nos viveiros de Barro-Meis e Lalín

Viveiro de empresasA Deputación de Pontevedra publica este xoves as bases reguladoras para a adxudicación de espazos para que emprendedores e empresas de nova creación poidan establecerse, como máximo durante un ano, nos viveiros de Barro-Meis e de Lalín.

A través dos viveiros de empresas de Barro-Meis e de Lalín a Deputación pretende acoller de forma temporal empresas para encamiñalas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial, co fin de facilitar o desenvolvemento de iniciativas económicas de interese para a provincia. Polo tanto, os obxectivos da Deputación de Pontevedra coa posta en marcha dos dous viveiros de empresas son a xeración de emprego, diversificar a estrutura produtiva local favorecendo a instalación de empresas innovadoras, crear un medio idóneo que permita ás iniciativas empresariais desenvolver o seu plan de empresa, ser un instrumento de apoio eficaz para iniciativas empresariais, así como contribuír á dinamización da provincia e das localidades nas que están situados os viveiros.

Para elo, os viveiros de Barro-Meis e de Lalín ofrecen locais privados equipados con mobiliario e infraestruturas, áreas e servizos comúns e servizos de asesoramento e formación, a través dos departamentos da Deputación de Pontevedra. Así, o viveiro de Barro-Meis ocupa unha superficie construída de 2.588,80 metros cadrados (distribuídos en 3 alturas, con 16 naves, 24 oficinas e 4 salas de xuntas) e o de Lalín conta cunha superficie construída de 1.067,90 metros cadrados (distribuídos en 3 naves, 5 oficinas, 1 espazo de coworking e 1 sala de xuntas). Ademais, os viveiros contarán con persoal de servizos varios contratado pola Deputación de Pontevedra para atender as necesidades dos emprendedores.

Poderán ser cesionarios dos viveiros os emprendedores ou empresas que comecen a súa actividade económica nas instalacións dos viveiros de empresas, ou que houberan iniciado a súa actividade empresarial recentemente, pero tamén os emprendedores que necesiten un espazo axeitado para analizar e preparar o seu proxecto de empresa. Os usuarios dos espazos de coworking poderán ser persoas que se establezan durante un mes, podendo ser renovable mensualmente.

Os interesados deberán presentar unha solicitude acompañada dunha declaración responsable, curriculum vitae, memoria descritiva da actividade, así como un estudo económico – financeiro, un cronograma de posta en funcionamento, creación de número de postos de traballo necesarios, especificación do réxime tributario e da seguridade social, fotocopia do DNI, escrituras de constitución e apoderamento.

A selección de solicitudes realizarase cumprindo os principios de fomento da igualdade de xénero e non discriminación, atendendo ós criterios de viabilidade técnica e económica da actividade, postos de traballo xerados, carácter innovador da actividade e a situación de desemprego dos promotores.

También te puede interesar