O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se inicia o proceso expropiatorio para a execución do segundo treito da autovía do Morrazo. A resolución sinala a data para o levantamento das actas correspondentes aos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da obra de conversión en autovía do corredor do Morrazo, no tramo II.
A convocatoria, na que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, iniciarase o 19 de xaneiro na Casa do Concello de Moaña, dende as 10 ata as 13.30 horas, e continuará o día seguinte, 20 de xaneiro, no mesmo lugar e horario. Os titulares afectados deben acudir persoalmente ao acto ou delegar nunha persoa autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución.
O Goberno galego publicaba recentemente no DOG a licitación das obras de conversión en autovía do segundo treito do Corredor do Morrazo, entre Domaio e Meira, por un valor de preto de 18 millóns de euros.
Trátase dun treito cunha lonxitude total de algo máis de 4 quilómetros. As obras proxectadas consisten na duplicación da calzada actual dende o PK 3+250 ata o 7+300, polas marxes esquerda e dereita, así como na remodelación dos enlaces de Domaio e Meira. Tamén se prevé o deseño dunha nova área de servizo en Meira, a duplicación do viaduto da Mó e a ampliación de dous pasos inferiores e un superior.