Vigo al minuto

Oficina de Dereitos Sociais de Coia asegura que as novas axudas de Emerxencia Social do Concello son incompatibles coas doutras administracións

Tramitación no Concello das axudas de emerxencia (ARQUIVO)/vigoalminuto.com
Tramitación no Concello das axudas de emerxencia (ARQUIVO)/vigoalminuto.com

Segundo afirma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS), o 30 de decembro de 2015 a Xunta de Goberno Local do Concello aprobou o chamado “Programa Contra Desafiuzamentos e de Emerxencia Social para o ano 2016” ainda que, indica esta asociación, so houbo un cambio de nome, non de axudas. “As bases que o regulan, non son máis que as mesmas ‘Axudas de Emerxencia Municipais’ que ano tras ano viña aprobando e aplicando o Concello”.

ODS engade que “os requisitos de acceso, as contías, o funcionamento e tramitación destas hipotéticas novas axudas, son idénticos aos do 2015”. A diferencia, subliña esta asociación, é que ata o de agora, “en ningunha convocatoria anterior se establecía a incompatibilidade destas axudas con prestacións periódicas doutras administracións. Co cal, unha persoa podería estar percibindo unha RIGSA ou unha PNC e podería recibir unha axuda municipal puntual para pagar a luz, o alugueiro: este ano, atopámonos con que o Concello, de maneira consciente e premeditada, engade, na base sétima deste programa, unha apostilla que di que estas axudas ‘en ningún caso constitúen un complemento ordinario do importe das prestacións públicas que poidan percibirse periodicamente (RISGA, PNC, pensións, prestacións por desemprego), polo que non serán atendidas as solicitudes reiteradas de axudas para os mesmos conceptos”.

Ademáis, mantén a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, na mesma liña introduce, na base sexta, unha nova especificación, nas circunstancias que impiden a concesión da axuda, sinalando que será causa de denegación da mesma: “non ter utilizado as canles que outras Administracións teñan establecido para atender este tipo de necesidades (RISGA, AIS, etc.)”

Esto supón, segue a ODS, que nesta nova convocatoria “suprimen a posibilidade de que as axudas municipais complementen as prestacións e axudas doutras administracións, e sinxelamente, establecen a súa incompatibilidade”, o que significa que “familias e persoas que malviven cunha RISGA ou cunha RAI, que non chegan a fin de mes, pola escasa contía deste tipo de prestacións, non poidan acceder a este modelo de axudas”.

Con estas novas bases, o Concello di, “no papel, e de maneira formal” o mesmo que “nos viñan dicindo de palabra e de maneira extraoficial moitas das traballadoras sociais das UTS: que se cobro unha RISGA teño que apañarme, que non podo pedir constantemente axudas de Emerxencia porque teño ingresos, por moi baixos que estes sexan”.

También te puede interesar