O director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, foi un dos participantes na reunión de hoxe, na que tamén estivo a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e representantes dos concellos que formarán a área e que, unha vez rematado o prazo establecido, remitiron a información económica requirida pola Xunta e pola Universidade para realizar o estudo. O mesmo analiza cada un dos dez servizos que está previsto que preste a área e que permite coñecer o tipo de xestión que se está a levar a cabo, a empresa que o presta, o prazo de duración, a data de fin de contrato, os anos que restan e os principais indicadores económicos.
Algunhas das vantaxes que introducirá a creación da área metropolitana na prestación deses servizos son a redución de custes –mediante economías de escala e unha xestión conxunta planificada– e que se garante o acceso aos servizos de idénticas características con independencia do lugar de residencia.