Comarcas

A Deputación aproba destinar 300.000 € aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia

Pardarrubia1O pleno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o convenio para colaborar co Goberno de Galicia, Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as outras tres deputacións provinciais galegas en materia de emerxencias, prevención e defensa contra incendios forestais a través da creación e implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).

Este convenio, que se renova para estenderse ata o 2018, ten como fundamento o deber das deputacións provinciais de prestar asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica ós concellos para garantir a prestación integral e adecuada dos servizos públicos e os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal. Pero ademais tamén se ampara na lexislación vixente que establece como competencia propia das deputacións a prestación dos servizos de prevención e extinción de incendios nos concellos de menos de 20.000 habitantes así como a protección civil, salvamento e xestión de emerxencias nos concellos que non conten con servizos propios.

Os GES complementan a atención das emerxencias e extinción de incendios, xunto cos parques de bombeiros municipais e comarcais, atendendo zonas desprovistas de servizos de emerxencia. Na provincia de Pontevedra hai GES no Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), O Baixo Miño (A Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño), Ponteareas (Ponteareas, A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, Mondariz-Balneario, Mondariz e Salvaterra), Valga (Valga, Pontecesures, Catoira, Caldas e Portas), A Estrada (A Estrada, Campo Lameiro, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, Teo, Vedra e Moraña), Deza (Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón) e Sanxenxo (Sanxenxo, O Grove, Meaño e Poio) nos que traballan preto de 60 persoas, con formación e experiencia en traballos de protección civil, prevención e loita contra incendios e emerxencias, e ós que a Deputación de Pontevedra destinará, durante este ano, 266.666,60 €.

Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) encárganse, entre outras cuestións, da intervención en situacións de riscos, emerxencias, incendios forestais e urbanos da súa demarcación; definen redes de faixas de xestión da biomasa para a prevención e defensa contra incendios; realizan descontinuidades verticais da cuberta vexetal; prevención de pragas; protección civil; medidas preventivas así como colaboran nas funcións correspondentes dos grupos de acción establecidos nos plans de emerxencia municipal (PEMUS), plans de actuación municipal (PAM) e plans de protección civil.

También te puede interesar