Galicia

Medio Rural empeza a distribuir 1.200 trampas para acabar coa #VespaVelutina

Niño de vespa velutinaMedio Rural comezou a distribuír 1.200 trampas comerciais e botes de líquido atraente aos apicultores con asentamentos apícolas localizados en concellos nos que se detectaron niños desta especie invasora. A cantidade de trampas a distribuír a cada apicultor depende do número de colmeas que posúan.

A finalidade desta medida é intensificar o vixente programa de control da Vespa velutina coa colocación de trampas para a captura de raíñas na primavera, cando estas saen da época de hibernación. Deste xeito, cada raíña capturada podería significar un niño menos na contorna na tempada 2016. Segundo o Goberno de Galicia, “as experiencias na loita fronte á Vespa velutina sinalan que a colocación de trampas nas inmediacións dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas”.

Na primavera de 2015 Medio Rural  xa realizara o reparto doutras 1.300 trampas –en concellos nos que se detectaran niños no ano 2014–, destinadas tamén á captura de exemplares de raíñas fundadoras. Ademais, en outono de 2015 repartíronse outras 1.500 trampas, para a recollida de raíñas antes da hibernación.

O actual reparto de trampas realizarase aos apicultores dos concellos nos que non se entregaron estes dispositivos na primavera e outono pasado, posto que naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería xa entregou anteriormente trampas, os apicultores poden seguir utilizándoas mediante o uso de atraentes caseiros.

Os concellos para os que se reparten agora trampas son aqueles nos que se detectaron niños no período final da tempada pasada, dende o mes de decembro do pasado ano. A entrega de trampas e botes de líquido atraente comezou esta semana, realizándose a través das Oficinas Agrarias Comarcais.

Os apicultores afectados recibirán unha carta no seu domicilio, na que a Consellería lles informará da oficina á que poden acudir para recoller o material. Ademais, Medio Rural manterá un stock doutras 800 trampas, por se foran detectados niños en novos concellos nos que non se distribuíran anteriormente.

Para minimizar os efectos desta vespa, o Goberno de Galicia desenvolve un Plan de vixilancia e control que inclúe, ademais destas medidas, a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. “A través deste plan, localizáronse ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa, actuándose no ano 2015 en preto de 5.000 niños, o que supuxo unha importante axuda no control deste insecto”.

También te puede interesar