Cos votos favorables dos 17 concelleiros socialistas e o rexeitamento dos 3 de Marea de Vigo e os 7 do Partido Popular, o Pleno do Concello deu luz verde este luns á determinación da forma de xestión do servizo público das instalacións deportivas municipais mediante a modalidade de concesión de servizos públicos con execución de obra.
O concelleiro de Deportes explicou que a finais de agosto remata a concesión do servizo prestado ao longo dos últimos 25 anos por diferentes empresas cun investimento directo do Concello de 2,5 millóns de euros. Na actualidade, a rede municipal de auga conta coas piscinas cubertas das Travesas, Lavadores, Teis e Valadares e o ximnasio do Berbés, facéndose necesaria, segundo apuntou, a reforma das instalacións que, nalgúns casos, contan con máis de 20 anos de uso.
Na reformulación do modelo de xestión acabada de aprobar, explicou Manel Fernández, que se debe considerar a evolución nas demandas de disciplinas deportivas, o descenso dos usos das piscinas e a aparición de novas ofertas na cidade así como a incorporación do Instituto Municipal dos Deportes á xestión do Concello. O cambio é necesario, na súa opinión, para “atender ás novas necesidades coa modernización das instalacións cun criterio sostible”.
O voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, advertiu que este cambio vai ter efectos nos prezos públicos que “os usuarios acabarán pagando” xa que entende que a concesionaria amortizará o custo das obras sobre as tarifas e preguntou pola situación do persoal do Instituto Municipal de Deportes.
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular cuestionou o futuro dos traballadores do Instituto Municipal de Deportes (IMD) e criticou as concesións do goberno municipal, sinalando que hai días xa advertirá de que se trataba dunha privatización das mesmas.