A presidenta da Deputación salientou este luns, na presentación do proxecto “Cinema e Muller”, a súa importancia para a visibilidade do traballo das 70 mulleres que traballan no mundo do cine na provincia.
Carmela Silva subliñou que “Galicia está de moda e nunha das cousas que máis destaca é no cinema pero sempre aí un pero, e neste caso, o pero son as mulleres cineastas, editoras ou guionistas da nosa provincia” . Por iso xustificou a necesidade deste proxecto “Cinema e Muller” porque “dende a Deputación un dos nosos traballos máis importantes é dar visibilidade a todas as mulleres e máis nun sector, onde sempre é moi difícil abrirse paso”.
Silva, xunto as cineastas Xisela Franco, Beli Martínez e Eva Calvar, presentaron no Museo de Pontevedra o proxecto no que nun primeiro momento fíxose un traballo de campo para a localización das setenta mulleres que se adican na provincia de Pontevedra ao cinema. De entre elas elixiuse a 10 que realizarán curtametraxes que posteriormente deron forma a unha película colaborativa. As dez elixidas son: Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Mendez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo, Claudia Brenlla.
Esta película vai ser proxectada o venres 11 de marzo, ás 6 e media da tarde, e sábado 12 de marzo ás 7 e media, no auditorio do Museo de Pontevedra. E en Vigo o luns 14 e martes 15 de marzo no auditorio de Concello.
Ademais, o proxecto contempla unha web na que se recolle os perfís das 70 mulleres cineastas da provincia e unha serie de charlas sobre o traballo destas creadoras.
A presidenta da Deputación quixo agradecer o traballo feito por Xisela Franco na localización e a clasificación das 70 mulleres da provincia. “Queremos que este proxecto –sinalou Carmela Silva- teña continuidade. Queremos que as mulleres creativas da provincia teñan o seu espazo e queremos que as pontevedresas sexan grandes directoras, guionistas e produtoras“.
Neste senso, Carmela Silva, subliñou que o Museo de Pontevedra ten un papel moi importante “para que sexa un referente do que acontece no mundo da cultura na nosa provincia e de toda Galicia“.